Friday 26 de April de 2024

Trenor traslada o compromiso da Xunta coa depuradora de Queiruga que contará cun investimento de arredor de 500.000€ no 2022


— O delegado da Xunta na Coruña e o alcalde de Porto do Son supervisaron, cos representantes da empresa que elaborou o proxecto, os detalles do mesmo

— Esta actuación suporá un investimento autonómico próximo aos 2 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, supervisaron o proxecto para levar a cabo as obras saneamento na parroquia de Queiruga, que suporá a construción dunha nova Edar. Esta actuación contará cunha partida de arredor de 500.000 euros nos orzamentos da Xunta para o 2022 e o obxectivo de Augas de Galicia é poder licitar esta actuación antes de que remate o ano. Trenor recalcou que esta obra suporá un investimento autonómico que supera os 1,7 millóns de euros.

O representante do Goberno autonómico explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, conta xa co proxecto, que hoxe presentou a empresa encargada do mesmo, á espera de que o Concello remate os últimos trámites municipais para poder licitar esta obra.

O delegado da Xunta explicou que as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova Edar no lugar da Ponte. Ademais proxéctase unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova Edar. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.

De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estaría composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsións. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte. En total prevese a construción dunha rede de colector de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Trenor recalcou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio”.

Con este tipo de actuacións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.